#imosentrar porque Ourense precisa espazos autoxestionados para a cultura

https://twitter.com/imosentrar

Novas formas de pensar os espazos urbanos: La Fábrika de Toda la Vida

Imaxe

Poñámonos en contexto. As cidades, as vilas, as aldeas transfórmanse. Edifícase, abandónase ou rehabilítase. O tempo pasa por todas as edificacións: públicas e privadas, vivendas e fábricas, con ou sen valor patrimonial. Os actores urbanos puxan cara aos seus intereses. Pero de entre todos eles aparecen novos axentes que loitan polo interese común. Non existe procura algunha dunha rendibilidade económica detrás das súas accións. Non hai lugar para a especulación, o apropiamento dos espazos ou as actividades privativas. Loitán polo procomún, por abrir novos espazos para a cidadanía. Hoxe traemos ao blogue o caso de LFdTLV en Los Santos de Maimona, un pobo de Extremadura. Un exemplo, como tantos outros que existen, de bon facer neste campo anteriormente descrito. E son exemplo por diferentes motivos: Son capaces de por en práctica un traballo colaborativo ilusionante e dende o parámetro da intelixencia colectiva, compartindo os seus saberes en rede, nutrindo e apoiando outros proxectos paralelos. Configuran estes saberes en torno a un proxecto de uso e un convenio de cesión. Achegan interesantes reflexións sobre o concepto de valeiros urbanos e as súas posibilidades como lugares productivos que dean acubillo á xeneración de ideas transformadoras. Inventan novos modelos de finanzamento para rachar a parálise da crise/estafa implicando á institución e aos micromecenas nunha fórmula mixta: o goberno de Extremadura aporta tantos euros como aporten os cofinanciadores do proxecto.

Advertisements

Proxecto de Rehabilitación do Cárcere

proxecto

Multiplicamos os nosos contactos pola cidade camiñando cara a celebración dunha asemblea constituínte da plataforma. Perseveramos no noso obxectivo de posta en marcha dun centro sociocultural autoxestionado no interior do antigo cárcere de Ourense. Nesta ocasión queremos compartir na rede un enorme traballo realizado por Ángel Vázquez Vázquez precisamente con ese mesmo obxectivo. Dende aquí transmitímoslle o noso agradecemento por deixar que o traballo se publique e poida ser consultado abertamente por toda a cidadanía.
Proxecto de Rehabilitación do Antigo Cárcere Provincial de Ourense para Uso Sociocultural – ISSUU

Xornada de Debate do #imosentrar

Despois de tres meses de reunións, conversas, proceso de documentación, visitas ao interior do cárcere, contacto con outros colectivos e consulta coas persoas informadas na materia, chegou o momento de atopármonos todas xuntas. Facémolo a través dunha autoconvocatoria aberta a todas nós para poñer en marcha este proxecto tan ilusionante de defensa dun ben de interese común (bicomún) e ao mesmo tempo de posta en marcha dun espazo autoxestionado no seu interior. Para elo celebraremos unha xornada de debate na que poremos en común as nosas perspectivas. Será o vindeiro sábado 19 de outubro ás 11:00h no local de ESCUA. Para fomentar o debate de ideas previo á xornada propoñemos este taboleiro con conceptos e un borrador de fases.
http://padlet.com/wall/imosentrar

Alí nos vemos

AACCGALIZA

ImaxeO #imosentrar lanza o seu apoio á convocatoria do encontro de Arquitecturas Colectivas que vai ter lugar a vindeira semana, entre os días 11 e 14 en Valadares. Trátase dun espazo de encontro e intercambio de saberes entre distintos colectivos que traballan a prol da contrucción dun habitat participado pola cidadanía e pensado cara o concepto do bo vivir. Aproveitamos a entrada para vos anunciar a publicación dunha nova sección na páxina na que podedes atopar ligazóns a algúns dos proxectos referentes do #imosentrar. Como podedes ver no cartaz do programa do encontro de AACC algúns deles estarán alí presentes.

APPS

Poñámonos en que a cidade é un aparello tecnolóxico dos que tanto usamos hoxe en día. Un PC, unha tablet, un móbil. O cidadán sería o usuario. Precisa que o seu aparello funcione ben e por iso ten instalado un sistema operativo: linux, windows, android. Este sería o goberno municipal. Hai gobernos municipais de moitos tipos depende da súa cor política, como hai sistemas operativos tamén de moitas clases. E ademais disto temos programas ou aplicacións. Estas serían as asociacións, axentes culturais, empresas, colectivos cidadáns. Recentemente ven de ser instalada unha nova APP na nosa cidade. Trátase do OCO, o Observatorio da Cultura Ourensá. É unha nova APP avalada por outras 23 que levan traballando no noso sistema operativo proveéndoo de múltiples actividades durante moitos anos. Unha APP que ven de ser instalada polos propios usuarios e que escaneará o noso dispositivo urbano co obxectivo de facelo máis eficiente no uso dos seus recursos propios. Isto é algo que todo os demais usuarios saudarían como positivo. Pero non así o noso sistema operativo/equipo de goberno municipal. Este reacciona contra a nova APP como se dun virus se tratase. E non é de agardar. Sorprende que tendo instalado un sistema operativo, digamos, socialista este reaccione deste xeito. Acaso non é bo para todos nós un novo colectivo coma o OCO, acaso non é un signo de saúde democrática o feito de que a propia cidadanía exerza os seus dereitos e vixíe que se cumpran. Ten que facernos reflexionar a todos. Tamén aos outros sistemas operativos que agardan a ser  os escollidos para instalarse na nosa cidade/hardware. Pero sobre todo aos usuarios/cidadáns, xa que estas reaccións, cando menos, pouco democráticas para o único que serven é para retratar ao propio equipo de goberno/sistema operativo.

observatoriodaculturaourensa.info

Dous modelos de cidade

Ourense é a cidade termal. É o proxecto de cidade que existe e tamén o planificado cara ao futuro. O cárcere ten moitas papeletas para se converter nun hotel termal. Probablemente será explotado por unha empresa privada en réxime de concesión. O que, tamén probablemente, reportará uns ingresos ás arcas municipais, un determinado número de postos de traballo, para persoas ourensás e non ourensás, beneficio económico para a hostelería e novos visitantes para a cidade. Ben. Ata aquí todo ben, parece que non hai queixa. Pero toca falar de cultura. Sí, cultura, esa cousa estrana, que está aí, que non é a sanidade, nin a educación, nin a xustiza. O estado do benestar non depende dela, non é un servizo público fundamental. Non temos dereito a ela. Ou sí? Porque, que nos dá a cultura. Que nos dá o noso grupo de rock, o noso grupo de pintura, o concerto didáctico para nenos, o obradoiro de cestería, o clube de lectura… que nos dan? Dannos a alma. Son a alma, a alma da cidade. O que nos pega a Ourense. O que nos fai ser quen somos, pensar como pensamos. Decidir querer quedar aquí, facer unha cidade mellor. Buscar aquí o traballo, o pouco que hai. Loitar pola cidade, pola comarca. Decidir facerse autónomo aquí, abrir unha empresa aquí, criar ás fillas aquí e non noutro sitio. E iso é o que nos dá a cultura. E a cultura sobrevive en Ourense porque hai axentes culturais. Xente do común que traballa no teatro, na música, no audiovisual, nas artes plásticas, na arte urbana… Pero voltemos ao cárcere de novo. Que ten que ver este antigo edificio, en deshuso dende hai máis de vinte anos. Pois todo. Todo porque é o espazo natural para dar acubillo a un hotel de asociacións, un centros social autoxestionado no que a protagonista sexa a cidadanía de Ourense. Un espazo vibrante de intercambio e difusión de ideas. Un faro cultural no que os contidos estean no centro do debate, e non inversión desproporcionadas en proxectos faraónicos onde o único que importa é o contedor. Pois ben, chegou a hora de tomar a palabra. Xentes de Ourense, veciños e veciñas, estades todas e todos chamados a participar nesta nova ilusión. Coa idea de que, xa o proceso, sexa algo ben bonito, digno de ser vivido e compartido entre todas e todos. #imosentrar

#imosentrar

#imosentrar é un proxecto que camiña cara a construcción dun centro social na cidade de Ourense que impulse a participación directa da cidadanía na xestión do dominio público. Un centro cultural autoxestionado que entende a cultura nun sentido amplo que agrangue as capacidades creativas e sociais da cidadanía. Estas capacidades comprenden non só a producción artística, se non tamén a acción social, o pensamento crítico e a difusión de ideas, obras e procedementos que buscan expandir e democratizar a esfera pública. #imosentrar é o camiño cara a construcción dun centro integral que inclúa linguaxes e xeitos de expresión, pero tamén a complexidade demográfica, cultural, de rexistros e modos de habitar o territorio e o tempo inmediatos.